Esta fin de
semana celebrouse unha nova edición das Xornadas de Portas Abertas na Ruta do
Viño de Valdeorras (Turismo de Galicia) coa asistencia de moitas persoas
interesadas en coñecer as adegas e participar nas actividades programadas ao
redor do enoturismo en Valdeorras. Entre as novidades desta edición estiveron a
organización dunha andaina polo Parque Natural Serra da Lastra e a presenza de
xornalistas e blogueiros especializados en turismo e gastronomía. Oito
prescritores procedentes do Norte de Portugal, Asturias e Galicia estiveron
percorrendo as adegas co bus do viño durante toda a fin de semana e participando na Festa de Portas Abertas así
como na Andaina no Parque da Serra da Lastra. O obxectivo foi comezar a
promocionar Valdeorras como destino enoturístico nestas zonas veciñas e cun
fluxo importante de visitantes cara Galicia.
Aumento de participación no II Pincha e Cata
O venres pola
noite empezaban as actividades coa segunda edición do Pincha e Cata no
restaurante do Hotel Calzada (Vilamartín) e no Bar Bravo Lux da Rúa. Unhas 30
persoas anotáronse a cada unha das catas que se celebraron nos dous locais nos
que puideron degustar sete viños, cada un de cada adega participante, coa
presenza dos adegueiros para compartir experiencias con eles.
Unhas 100 persoas visitaron as 7 adegas
Unhas 100 persoas
subiron durante o fin de semana ao bus do viño para coñecer a través de catro
rutas as sete adegas participantes: Godeval, O Cepado, O Casal, Alán de Val,
Joaquín Rebolledo, Roandi e A Coroa. A maior asistencia concentrouse na tarde
do sábado onde as sete adegas recibiron visitantes para coñecer o seu
funcionamento e degustar os seus viños acompañados por pinchos elaborados pola
Casa de Turismo Rural Pacio do Sil.
Éxito de asistencia á V Festa de Portas Abertas
A Festa de Portas
Abertas estivo pendente das predicións meteorolóxicas para poder celebrarse ao
aire libre ou na Praza de Abastos do Concello do Barco. Na tarde do sábado
decidiron celebrala na Praza do Concello e foi “unha boa decisión, xa que a xente animouse a disfrutar da festa
escoitando música e bebendo viños”, explicou o presidente da Ruta, Joaquín
Sánchez. Na praza estiveron ao redor de 500 persoas degustando os viños e
pinchos.
A primeira Andaina de Portas Abertas terá
continuidade
25 persoas
percorreron 9 quilómetros entre as localidades de Vilardesilva e Biobra na primeira Andaina de
Portas Abertas polo Parque Natural Serra da Lastra. Acompañados polo guía
Victor de Xanzá Ecoturismo coñeceron unha parte deste parque con vexetación de
tipo mediterráneo único en Galicia. A actividade finalizou no Centro de
Recepción de Visitantes do Parque cuns pinchos e viños das adegas participantes
nesta edición. O presidente da Ruta, Joaquín Sánchez, indicou que será unha actividade a realizar
en próximos meses dada a boa participación e as peticións de que se repita.
Blogueiros subindo ao Viño Bus
As blogueiras @alquimiadostachos gravando na Festa
V Festa de Portas Abertas na Praza do Concello do Barco
A V Festa de Portas Abertas con gran asistencia de público
A web www.zapatillasporelmundo.com gravando na Festa de Portas Abertas
A Coroa con visitantes
Adega Joaquin Rebolledo explicando a súa cova
Adega O Cepado recibindo visitantes das Xornadas
No hay comentarios:
Publicar un comentario