martes, 20 de diciembre de 2016

A Ruta organizou a presentación da Guía de viños, adegas e destilados de Galicia 2017 en Valdeorras


 A Ruta do Viño de Valdeorras organizou onte, día 19, un dos seus primeiros actos na comarca unha vez constituída a nova xunta directiva. Foi a presentación da “Guía de viños, adegas e destilados de Galicia 2017” elaborada polo equipo do sumiller Luís Paadín. O acto fíxose no Hotel Pazo do Castro coa presenza de Luís Paadín, responsable da publicación, acompañado polo  presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, e varios socios da agrupación enoturística.

Durante a presentación o presidente da Ruta do Viño, Joaquín Sánchez, fixo unha semblanza dos máis de 25 anos de traballo de Luís Paadín “sempre divulgando os viños de Galicia. Alí onde vai leva os viños de aquí ”. Indicou que “como ruta do viño e con todos os organismos da comarca temos que implicarnos na promoción da nosa denominación. A maioría somos adegas familiares que nos dan unha diferenciación do traballo que se fai nestas terras cos chans e clima particulares”.
Pola súa parte, Luís Paadín, destacou que este ano a participación das adegas valdeorresas na cata para elaborar a guía foi “arrolladora” acadando en brancos as puntuacións máis altas desta publicación, deixando claro que “a variedade branca de moda no mundo agora é a godello”. En canto ao tema de rutas do viño, puntualizou que o enoturismo ten “un futuro prometedor” e indicou que é preciso un traballo conxunto. Destacou que na comarca hai moito que ensinar con historia dende hai séculos e deberíase poñelo en valor para amosalo aos visitantes. Os visitantes achéganse ás zonas vitícolas e consumen nelas xerando un movemento nese lugar.







Os datos de Valdeorras na  Guía de Viños de Galicia 2017

Nesta nova edición da guía aparecen referenciadas 44 adegas da DO Valdeorras. Entre todas as adegas reúnen 101 viños con medallas, dos cales 15 foron Gran Ouro (92-100 puntos), 59 medallas de Ouro (85 – 91 puntos) e 27 medallas de Prata (80 – 84 puntos).
Esta é a quinta edición desta guía que edita a empresa Servino Consulting. De cada guía saen ao mercado 2.000 exemplares que están financiados a través de mecenas converténdose, tal e como explican dende a organización, na “primeira guía que non leva publicidade e na que adegas e colleteiros non poden ser mecenas para poder conservar a nosa independencia nas puntuacións anuais”.

Nesta edición do 2017 o número de catadores aumentouse a 46 e entre eles houbo directores técnicos das denominacións de orixe galegas ademais de directores das D.O. de Rioja, Bierzo e Toro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario