A Ruta do Viño de Valdeorras organizou
onte, día 19, un dos seus primeiros actos na comarca unha vez constituída a
nova xunta directiva. Foi a presentación da “Guía de viños, adegas e destilados
de Galicia 2017” elaborada polo equipo do sumiller Luís Paadín. O acto fíxose
no Hotel Pazo do Castro coa presenza de Luís Paadín, responsable da
publicación, acompañado polo presidente
da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, e varios socios da
agrupación enoturística.
Durante a presentación o presidente da Ruta
do Viño, Joaquín Sánchez, fixo unha semblanza dos máis de 25 anos de
traballo de Luís Paadín “sempre
divulgando os viños de Galicia. Alí onde vai leva os viños de aquí ”.
Indicou que “como ruta do viño e con
todos os organismos da comarca temos que implicarnos na promoción da nosa
denominación. A maioría somos adegas familiares que nos dan unha diferenciación
do traballo que se fai nestas terras cos chans e clima particulares”.
Pola súa parte, Luís Paadín, destacou que
este ano a participación das adegas valdeorresas na cata para elaborar a guía
foi “arrolladora” acadando en brancos
as puntuacións máis altas desta publicación, deixando claro que “a variedade branca de moda no mundo agora é
a godello”. En canto ao tema de rutas do viño, puntualizou que o enoturismo ten “un futuro prometedor” e indicou que é preciso un traballo
conxunto. Destacou que na comarca hai moito que ensinar con historia dende hai
séculos e deberíase poñelo en valor para amosalo aos visitantes. Os visitantes
achéganse ás zonas vitícolas e consumen nelas xerando un movemento nese lugar.
Os datos de Valdeorras na Guía de Viños de Galicia 2017
Nesta nova edición da guía aparecen referenciadas
44 adegas da DO Valdeorras. Entre todas as adegas reúnen 101 viños con
medallas, dos cales 15 foron Gran Ouro (92-100 puntos), 59
medallas de Ouro (85 – 91 puntos) e 27 medallas de Prata (80 – 84
puntos).
Esta é a quinta edición desta guía que edita a
empresa Servino Consulting. De cada guía saen ao mercado 2.000 exemplares que
están financiados a través de mecenas converténdose, tal e como explican dende
a organización, na “primeira guía que non leva publicidade e na que adegas e
colleteiros non poden ser mecenas para poder conservar a nosa independencia nas
puntuacións anuais”.
Nesta edición do 2017 o número de catadores
aumentouse a 46 e entre eles houbo directores técnicos das denominacións de
orixe galegas ademais de directores das D.O. de Rioja, Bierzo e Toro.