lunes, 4 de junio de 2018

As VII Xornadas de Portas Abertas aséntanse na promoción do enoturismo en Valdeorras


Esta fin de semana celebrouse unha nova edición das Xornadas de Portas Abertas na Ruta do Viño de Valdeorras (Turismo de Galicia) coa asistencia de moitas persoas interesadas en coñecer as adegas e participar nas actividades programadas ao redor do enoturismo en Valdeorras. Entre as novidades desta edición estiveron a organización dunha andaina polo Parque Natural Serra da Lastra e a presenza de xornalistas e blogueiros especializados en turismo e gastronomía. Oito prescritores procedentes do Norte de Portugal, Asturias e Galicia estiveron percorrendo as adegas co bus do viño durante toda a fin de semana  e participando na Festa de Portas Abertas así como na Andaina no Parque da Serra da Lastra. O obxectivo foi comezar a promocionar Valdeorras como destino enoturístico nestas zonas veciñas e cun fluxo importante de visitantes cara Galicia.

Aumento de participación no II Pincha e Cata

O venres pola noite empezaban as actividades coa segunda edición do Pincha e Cata no restaurante do Hotel Calzada (Vilamartín) e no Bar Bravo Lux da Rúa. Unhas 30 persoas anotáronse a cada unha das catas que se celebraron nos dous locais nos que puideron degustar sete viños, cada un de cada adega participante, coa presenza dos adegueiros para compartir experiencias con eles.


Unhas 100 persoas visitaron as 7 adegas

Unhas 100 persoas subiron durante o fin de semana ao bus do viño para coñecer a través de catro rutas as sete adegas participantes: Godeval, O Cepado, O Casal, Alán de Val, Joaquín Rebolledo, Roandi e A Coroa. A maior asistencia concentrouse na tarde do sábado onde as sete adegas recibiron visitantes para coñecer o seu funcionamento e degustar os seus viños acompañados por pinchos elaborados pola Casa de Turismo Rural Pacio do Sil.

Éxito de asistencia á V Festa de Portas Abertas

A Festa de Portas Abertas estivo pendente das predicións meteorolóxicas para poder celebrarse ao aire libre ou na Praza de Abastos do Concello do Barco. Na tarde do sábado decidiron celebrala na Praza do Concello e foi “unha boa decisión, xa que a xente animouse a disfrutar da festa escoitando música e bebendo viños”, explicou o presidente da Ruta, Joaquín Sánchez. Na praza estiveron ao redor de 500 persoas degustando os viños e pinchos.

A primeira Andaina de Portas Abertas terá continuidade

25 persoas percorreron 9 quilómetros entre as localidades de  Vilardesilva e Biobra na primeira Andaina de Portas Abertas polo Parque Natural Serra da Lastra. Acompañados polo guía Victor de Xanzá Ecoturismo coñeceron unha parte deste parque con vexetación de tipo mediterráneo único en Galicia. A actividade finalizou no Centro de Recepción de Visitantes do Parque cuns pinchos e viños das adegas participantes nesta edición. O presidente da Ruta, Joaquín Sánchez,  indicou que será unha actividade a realizar en próximos meses dada a boa participación e as peticións de que se repita.

Blogueiros subindo ao Viño Bus

As blogueiras @alquimiadostachos gravando na Festa

V Festa de Portas Abertas na Praza do Concello do Barco

A V Festa de Portas Abertas con gran asistencia de público

A web www.zapatillasporelmundo.com  gravando na Festa de Portas Abertas

A Coroa con visitantes

Adega Joaquin Rebolledo explicando a súa cova

Adega O Cepado recibindo visitantes das Xornadas


viernes, 1 de junio de 2018

Prescritores portugueses, asturianos e galegos visitarán Valdeorras nas VII Xornadas de Portas Abertas


Hoxe da comezo unha nova edición das Xornadas de Portas Abertas na Ruta do Viño de Valdeorras (Turismo de Galicia) e entre as súas novidades estará a presenza de xornalistas e blogueiros especializados en turismo e gastronomía. Seis prescritores procedentes do Norte de Portugal, Asturias e Galicia estarán percorrendo as adegas co bus do viño durante toda a fin de semana  e participando na Festa de Portas Abertas así como na Andaina no Parque da Serra da Lastra. O obxectivo e comezar a promocionar Valdeorras como destino enoturístico nestas zonas veciñas e cun fluxo importante de visitantes cara Galicia.
Os invitados pola parte portuguesa son o xornalista e director da radio da Universidade FM  radio e xornal Noticias da localidade portuguesa de Vila Real, Luis Mendonça; así como as especialistas en fotografía de turismo e gastronomía, Olivia Rocha e Diana Romero coa súa web www.alquimiadostachos.com. Dende Asturias chegarán Ana e Albert da web de viaxes www.zapatillasporelmundo.com, con experiencia no mundo da comunicación e o marketing durante 20 anos levan adiante este proxecto de difusión de viaxes por todo o mundo con forte presenza en redes sociais. Por último a presenza galega correrá a cargo do xornalista galego, José Manuel García co seu programa radiofónico, Comer e Falar todo é comezar que despois de emitirse durante anos na Radio Galega está actualmente escoitándose na cadea Si Radio Galicia.
A actividade das Portas Abertas en Valdeorras comezará hoxe ás 20 horas cun “Pincha e Cata” no restaurante Calzada de Arcos (Vilamartín) e bar Bravo Lux da Rúa. Nel poderase degustar pinchos e os viños das sete adegas participantes este ano nas Xornadas. O fin de semana será o momento de visitar as adegas O Casal, O Cepado, Godeval, Roandi, A Coroa, Rebolledo e Alán de Val repartidas en catro rutas que se farán mañá e tarde o sábado e só pola mañá o domingo. Ademais haberá unha andaina pola Serra da Lastra na mañá do domingo con guía do asociado Xanzá Ecoturismo e transporte dende A Rúa e O Barco.

Aínda hai prazas dispoñibles que poden reservar chamando ao 619086326 ou no correo:rutadelvinodevaldeorras@gmail.com
Festa de Portas Abertas na Praza de Abastos
A V Festa de Portas Aberta farase mañá de 20 a 22 horas na Praza de Abastos do Barco. A inestabilidade do tempo fixo cambiar de lugar esta actividade na que se poderá degustar viños por copa e pinchos e escoitar a música do grupo The Cruze. A Ruta do Viño conta coa colaboración do Concello do Barco para a organización desta actividade.
Durante a fin de semana tamén haberá menú especial Portas Abertas no restaurante Calzada e pincho especial no Bravo Lux. Así como prezo especial nos aloxamentos Calzada e Casa Rural Pacio do Sil




miércoles, 23 de mayo de 2018

Bus do Viño, pincha e cata e andaina requiren reserva para as VII Xornadas de Portas Abertas

Cando falta pouco para vivir unha nova edición das Xornadas de Portas Abertas de Valdeorras lembramos a necesidade de facer reserva para asegurarvos a vosa participación nas actividades que están programadas. Despois o día das mesmas poranse á venda as entradas sobrantes pero xa sin garantir que poidades participar se están xa completas.  Dende o venres día 1 ata o domingo día 3 haberá unha actividade de pincha e cata, rutas en bus do viño para coñecer as adegas, unha festa de Portas Abertas no Barco e unha andaina pola Serra da Lastra.
Todas as actividades están no programa que vos incluimos a continuación e tamén o xeito de apuntarvos a través do correo: rutadelvinodevaldeorras@gmail.com e tamén chamando ao teléfono 619086326.





jueves, 10 de mayo de 2018

Presentación VII Xornadas de Portas Abertas en Santiago

A presentación das VII Xornadas das Portas Abertas das 5 rutas dos Viños de Galicia celebrouse onte no Hostal dos Reis Católicos. Ao acto asistiu unha representación de asociados da Ruta acompañando ao presidente, Joaquín Sánchez. El foi o encargado de dirixirse ao público asistente para ensalzar todo o que se ofrece na programación das Portas Abertas de Valdeorras e o patrimonio histórico, cultural e natural da comarca de Valdeorras. Rematou a súa intervención cunha invitación a visitarnos os días 1,2 e 3 de xuño. Ao acto asistiron a Conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez e a Directora de Turismo, Nava Castro, entre outras personalidades da política galega. 



















martes, 24 de abril de 2018

Folletos e cartelería empezan a difundir as VII Xornadas de Portas Abertas

Esta semana xa se poderán ver nas rúas e comercios do Barco, A Rúa, Vilamartín, Petín, Rubiá, Larouco e Carballeda os primeiros folletos e carteis cos que se anuncian as actividades das VII Xornadas de Portas Abertas de Valdeorras (1,2 e 3 de xuño). Lembramos que están abertas as reservas para as prazas do Bus do Viño, o venres de Pincha e Cata e a Andaina do domingo 3 pola Serra da Lastra.

Este ano hai un número de conta bancaria no que facer os ingresos para as reservas de:

-Venres de Pincha e Cata (pinchos e viños) no Bar Bravo Lux A Rúa e Hotel Calzada de Vilamartín: 5€/persoa e local

-Bus do Viño sábado e domingo: 5€/ persoa e ruta

-Andaina o domingo pola Serra da Lastra con pinchos e transporte: 10 €/persoa


O número de conta é:


ES18 0081 0507 5600 0123 8833 





jueves, 19 de abril de 2018

As VII Xornadas de Portas Abertas en Valdeorras promocionarán o viño e o seu entorno con visitas a adegas e andainas

A Ruta do Viño de Valdeorras participará un ano máis nas VII Xornadas de Portas Abertas que organiza Turismo de Galicia. Na comarca valdeorresa  serán do 1 ao 3 de xuño e terán varias actividades durante a fin de semana entre as que se inclúen a visita a adegas, a degustación de pinchos e como novidade unha andaina na Serra da Lastra e un encontro de xornalistas e blogueiros especializados. O obxectivo deste ano é dar a coñecer non só as adegas senón tamén o entorno no que se sitúan polo que se fará este percorrido pola Serra da Lastra e tamén un pequeno paseo por un tramo do Camiño de Inverno ao seu paso pola Rúa.  Os 11 socios da Ruta que participan son:

-Sete Adegas: Alán de Val, A Coroa, Joaquín Rebolledo, Godeval, Roandi, O Casal, O Cepado


-Tres hostaleiros: Hotel e restaurante Calzada, Casa Rural Pacio do Sil e Bar Bravo Lux

-Unha empresa turismo activo: Xanzá Ecoturismo

As actividades comezarán o venres, día 1, cunha xornada de “Pincha e Cata” no Bar Bravo Lux da Rúa e no Hotel Calzada de Vilamartín, onde os asistentes pagarán 5 €/persoa e poderán degustar viños das sete adegas participantes harmonizados con dous pinchos en cada local. A degustación será de 20 a 22 horas e require previa reserva.

O sábado todo o día e o domingo pola mañá faranse as visitas ás adegas repartidas en catro rutas con dúas adegas en cada unha. A excepción dunha ruta na que se combinará unha adega cun paseo cultural polo entorno da zona vella de A Rúa, pola que pasa o Camiño Xacobeo de Inverno.   Os visitantes terán transporte con paradas de recollida no Barco, A Rúa e Vilamartín para acudir a estas visitas, ao prezo de 5€/ruta. As reservas teranse que facer previamente notificando a ruta que se desexa facer e o pago da mesma. O sábado á noite, a partir das 20 horas, será o momento da V Festa de Portas Abertas que se celebrará no Paseo do Malecón (zona Casino) do Barco. Para esta actividade contan coa colaboración do concello barquense. Na festa estará actuando o grupo berciano de versións The Cruze, mentres se degustarán viños e pinchos a 1,5 €/copa e 1 € / pincho.

O domingo pola mañá ademais de repetir as catro rutas de adegas tamén se celebrará a I Andaina Portas Abertas na Serra da Enciña da Lastra. Terá un percorrido de 9 km dende o pobo de Vilardesilva ata o Centro de Recepción de Visitantes do parque na localidade de Biobra. Os asistentes terán servizo de recollida cun autobús nos mesmos puntos da comarca que están marcados para as rutas de adegas e cando finalicen serán devoltos aos mesmos lugares. Haberá 30 prazas dispoñibles para facer este percorrido acompañados por un guía especializado de Xanzá Ecoturismo. O prezo desta actividade serán 10€/persoa.

Durante a fin de semana catro xornalistas e blogueiros especializados coñecerán as actividades de primeira man e poderán comunicarllo aos seus seguidores e lectores. Será o I Encontro de blogueiros co que se pretende ampliar a difusión destas actividades.

Para  facer reservas poden contactar con  rutadelvinodevaldeorras@gmail.com e no teléfono: 619086326





miércoles, 18 de abril de 2018

As actividades destas xornadas empezaban a anunciarse no programa Comer e Falar na rede co gallo da Festa do Botelo do Barco


No mes de xaneiro xa estabamos programando as actividades das VII Xornadas de Portas Abertas. No programa de radio en internet "Comer e Falar na rede" tivemos a oportunidade de empezar a promocionar as actividades nas que estabamos pensando.

A partir do minuto 47 podedes escoitar a unha das asociadas dar detalles do programa que agora cha está completado e anunciado.

Podedes escoitar neste enlace a partir do minuto 47 : 

https://www.ivoox.com/23265800








martes, 17 de abril de 2018

Unha camiñata na Serra da Lastra é unha das novidades das VII Xornadas Portas Abertas


Este ano entre as novidades das VII Xornadas de Portas Abertas está a celebración dunha camiñata pola Serra da Lastra organizada polo asociado Xanzá Ecoturismo. A ruta de 9 kilómetros realizarase na mañá do domingo de 10:30 a 13:30 horas con saída dende o pobo de Vilardesilva. A chegada será no pobo de Biobra, concretamente no Centro de recepción de visitantes do parque. Alí teremos uns pinchos e uns viños para degustar entre todos os asistentes.
Hai 30 prazas dispoñibles para aquelas persoas interesadas en participar. Para facer a reserva os interesados teñen que abonar 10€/persoa no seguinte número de conta indicando o seu nome e a palabra Lastra.

Número de conta para a reserva: ES18 0081 0507 5600 0123 8833

Os participantes serán recollidos nas paradas de autobús da ruta no mesmo horario que para as visitas das adegas o domingo pola mañá.


http://www.laregion.es/articulo/valdeorras/ruta-do-vino-promocionara-parque-encina-da-lastra/20180417103649786037.html





lunes, 16 de abril de 2018

As visitas ás adegas serán de balde e permiten coñecer a historia de cada adegueiro

Nas visitas ás adegas os visitantes coñecen a historia de cada elaborador ao tempo que pode probar os seus viños. Este ano teremos sete adegas abertas durante a fin de semana do 2 e 3 de xuño con tres visitas concertadas ás 11, 13 e 17 horas para os que vaian por libre e unha visita pola mañá e outra pola tarde no Bus do Viño o sábado e outra visita o domingo pola mañá. As adegas participantes este ano son: O Casal, O Cepado, Roandi, Godeval, A Coroa, Joaquín Rebolledo e Alán de Val.

O Xornal La Región fixo público o ano pasado un pequeno video dunha das visitas a unha adega:






Aberto o prazo para reservar as prazas no Bus do Viño en Valdeorras

A Ruta do Viño de Valdeorras participará un ano máis nas VII Xornadas de Portas Abertas que organiza Turismo de Galicia. Na nosa comarca serán do 1 ao 3 de xuño e teremos varias actividades en marcha. Entre elas as visitas ás adegas os días 2 e 3 de xuño na que en cada ruta poderedes coñecer 2 adegas, tomar un pincho e unha copa de viño. Este ano ás visitas no Bus do Viño teñen un custe de 5€/ maiores e 2,5€/ nenos de 3 a 13 anos. 

As reservas podedes facelas facendo o ingreso no número de conta:

             ES18 0081 0507 5600 0123 8833

                     Indicar nome e número de ruta elexida na reserva

Cando fagades o ingreso indicade no motivo o voso nome e número de ruta ao que vos apuntades.


Aquí tendes as rutas e adegas de cada día:







 Este ano os socios participantes son:

Adegas: Alán de Val, A Coroa, Joaquin Rebolledo, Godeval, Roandi, O Casal, O Cepado

Hoteis e restaurantes: Hotel e restaurante Calzada, Casa Rural Pacio do Sil e Bar Bravo Lux

Podedes ir facendo as reservas en rutadelvinodevaldeorras@gmail.com e no teléfono: 619086326

miércoles, 21 de marzo de 2018

Nova xornada de Portas Abertas do 1 ao 3 de xuño en Valdeorras

A Ruta do Viño de Valdeorras participará un ano máis nas VII Xornadas de Portas Abertas que organiza Turismo de Galicia. Na nosa comarca serán do 1 ao 3 de xuño e teremos varias actividades das que vos facemos un adianto neste post. Este ano os socios participantes son:

Adegas: Alán de Val, A Coroa, Joaquin Rebolledo, Godeval, Roandi, O Casal, O Cepado

Hoteis e restaurantes: Hotel e restaurante Calzada, Casa Rural Pacio do Sil e Bar Bravo Lux

Unha empresa turismo activo: Xanzá Ecoturismo

Podedes ir facendo as reservas en rutadelvinodevaldeorras@gmail.com e no teléfono: 619086326


As actividades para as que teredes facer reserva serán:

-Día 1 de xuño

Venres de tapeo no Bar Bravo Lux (A Rúa) e Hotel Calzada (Vilamartín). Custe 5€/persoa

-Día 2 de xuño
  1. Visitas ás adegas con autobús: custe 5€/maiores e 2,5 €/ nenos de 3 a 13 anos.
  2. V Festa de Portas Abertas en O Barco. Custe: 1,5€/viño e 1 €/pincho. 2€/compra de copa de cristal que se levarán de recordo ou devolverana e reembolsase o prezo.
  3. Pincho especial Portas Abertas no Bravo Lux ( A Rúa). Prezo: 2 €/ pincho


-Día 3 de xuño


  1. Visitas ás adegas con autobús. Custe 5€/maiores e 2,5 €/ nenos de 3 a 13 anos.
  2. I Andaina Serra da Lastra: 10 €/persoa (Xanzá ecoturismo). Inclúe un viño e un pincho ao final da ruta.
  3. Pincho especial Portas Abertas no Bravo Lux ( A Rúa). Prezo: 2 €/ pincho