A Ruta do Viño de Valdeorras participará un ano máis
nas VII Xornadas de Portas Abertas que organiza Turismo de Galicia. Na comarca
valdeorresa serán do 1 ao 3 de xuño e
terán varias actividades durante a fin de semana entre as que se inclúen a
visita a adegas, a degustación de pinchos e como novidade unha andaina na Serra
da Lastra e un encontro de xornalistas e blogueiros especializados. O obxectivo
deste ano é dar a coñecer non só as adegas senón tamén o entorno no que se
sitúan polo que se fará este percorrido pola Serra da Lastra e tamén un pequeno
paseo por un tramo do Camiño de Inverno ao seu paso pola Rúa. Os 11 socios da Ruta que participan son:
-Sete Adegas: Alán de Val, A Coroa, Joaquín Rebolledo, Godeval, Roandi, O Casal, O Cepado
-Tres hostaleiros: Hotel e restaurante Calzada, Casa Rural Pacio do Sil e Bar Bravo Lux
-Unha empresa turismo activo: Xanzá Ecoturismo
As actividades comezarán o
venres, día 1, cunha xornada de “Pincha e Cata” no Bar Bravo Lux da Rúa
e no Hotel Calzada de Vilamartín, onde os asistentes pagarán 5 €/persoa e
poderán degustar viños das sete adegas participantes harmonizados con dous
pinchos en cada local. A degustación será de 20 a 22 horas e require previa
reserva.
O sábado todo o día e o domingo pola mañá faranse as visitas ás adegas repartidas en catro rutas con dúas adegas en cada unha. A excepción dunha ruta na que se combinará unha adega cun paseo cultural polo entorno da zona vella de A Rúa, pola que pasa o Camiño Xacobeo de Inverno. Os visitantes terán transporte con paradas de recollida no Barco, A Rúa e Vilamartín para acudir a estas visitas, ao prezo de 5€/ruta. As reservas teranse que facer previamente notificando a ruta que se desexa facer e o pago da mesma. O sábado á noite, a partir das 20 horas, será o momento da V Festa de Portas Abertas que se celebrará no Paseo do Malecón (zona Casino) do Barco. Para esta actividade contan coa colaboración do concello barquense. Na festa estará actuando o grupo berciano de versións The Cruze, mentres se degustarán viños e pinchos a 1,5 €/copa e 1 € / pincho.
O domingo pola mañá ademais de repetir as catro rutas
de adegas tamén se celebrará a I Andaina
Portas Abertas na Serra da Enciña da Lastra. Terá un percorrido de 9 km
dende o pobo de Vilardesilva ata o Centro de Recepción de Visitantes do parque
na localidade de Biobra. Os asistentes terán servizo de recollida cun autobús
nos mesmos puntos da comarca que están marcados para as rutas de adegas e cando
finalicen serán devoltos aos mesmos lugares. Haberá 30 prazas dispoñibles para
facer este percorrido acompañados por un guía especializado de Xanzá
Ecoturismo. O prezo desta actividade serán 10€/persoa.
Durante a fin de semana catro xornalistas e blogueiros
especializados coñecerán as actividades de primeira man e poderán comunicarllo
aos seus seguidores e lectores. Será o I
Encontro de blogueiros co que se pretende ampliar a difusión destas
actividades.
Para facer reservas poden contactar con rutadelvinodevaldeorras@gmail.com e no
teléfono: 619086326
No hay comentarios:
Publicar un comentario